A NATUREZA E OS NOSOS MAIORES: EMPREGO DE RECURSOS NATURAIS PARA PALIAR O DETERIORO COGNITIVO

/ Xuño 20, 2024/ Noticias

Enmarcada dentro do noso Proxecto Voz Natura, esta iniciativa tivo por obxectivo principal o impacto positivo na nosa contorna e nos nosos maiores a través dunha colaboración entre o alumnado do noso C.F.G.M. Coidados Auxiliares de Enfermería e o Centro de Día As Neves (xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar). 

Neste proxecto, enmarcado en Voz Natura e no módulo Promoción da Saúde e Aopio Psicolóxico ao Paciente, o noso alumnado deseñou e realizou unha serie de actividades cos usuarios e usuarias en tres sesións distribuidas ao longo dun mes enteiro (entre mediados de maio e mediados de xuño).

Esta iniciativa contou co beneplácito da directora de EFA A Cancela, da directora do Centro de Día As Neves e foi validada e autorizada por Encarna Álvarez Gallego, Técnica de Xestión Xerontolóxica no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Con esta colaboración perseguimos tres obxectivos principais:

  • Xerar un impacto positivo na nosa contorna próxima, poñendo en valor aos nosos maiores e a labor do persoal que traballa neste Centro de Día, co que xa temos o pracer de colaborar nas estancias de noso Proxecto Empresa – Aula do primeiro trimestre desde fai varios cursos e na actividade de postais do Nadal que realizan as nosas compañeiras do C.F.G.S. Educación Infantil e na que tamén participou nalgunha ocasión o noso alumnado do C.F.G.M. CAE.
  • Traballar, de forma práctica, dous contidos importantes no módulo de Promoción da Saúde e Apoio Psicolóxico ao Paciente: as actividades orientadas a paliar a deterioración cognitiva e os proxectos de educación sanitaria, coa correspondente programación das actividades e a elaboración de fichas de actividade.
  • Resaltar o valor terapéutico dos recursos naturais (plantas, neste caso) cando se utilizan axeitadamente en actividades orientadas a paliar a deterioración cognitiva.

Así, o alumnado do módulo Promoción da Saúde e Apoio Psicolóxico ao Paciente propuxo e deseñou unha serie de actividades para aplicar cos usuarios e usuarias do Centro de Día ao longo de 3 sesións. Para a sesión inicial de brainstorming o profesor do módulo e coordinador deste proxecto contou coa axuda de Noemí Lago, profesora do Centro con experiencia no coidado de maiores que a principio de curso impartiu ao noso alumnado unha estupenda sesión formativa sobre actividades para paliar a deterioración cognitiva (ligazón á noticia desta sesión). Está demostrado que as actividades de reminiscencia, as manualidades e os obradoiros de reciclaxe, entre outras, contribúen de xeito positivo no tratamento dos nosos maiores con demencia, especialmente cando esta enfermidade se atopa nas súas primeiras fases.

Todas as actividades tiveron como base a reminiscencia e se deseñaron tendo en consideración o grao de autonomía e as capacidades cognitivas dos usuarios e usuarias, das cales nos informaron no Centro de Día, diferenciando dous grupos principais.

  • A1. Decoración de macetas e transplantado / Creación dun bolso de horta. Realizouse con plantas ornamentais e legumes propios da zona, trasplantándoas a macetas cerámicas que se decoraron, traballando así a coordinación motora á vez que identificamos as plantas e relacionámolas con sucesos do pasado, desexablemente espertando os recordos dos usuarios. Tamén construiron de decoraron macetas portátiles, cunha correa que permite transportala a modo de bolso, con materiais reutilizados (briks de leite).
  • A2. Manualidades con flores e follas prensadas. Para traballar a coordinación motora, a expresión artística e o acceso aos recordos dos usuarios. Elaboraron marcapáxinas artesanais onde os vexetais estiveron no centro da actividade.
  • A3. Identificación de produtos agrícolas e hortícolas. Os usuarios e usuarias relacionaron tarxetas identificativas de produtos deste tipo (con imaxes) cos nomes dos devanditos produtos.
  • A4. Fotografías con aroma. Utilizamos fotografías plastificadas que tivemos que relacionar con aromas concretos que presentamos aos usuarios e usuarias mediante aceites esenciais.
  • A5. Creación de infusións. Con plantas aromáticas que non teñan compoñentes estimulantes ou psicoactivos.
  • A6. Medrar entre algodóns. Os usuarios e usuarias comprobaron o progreso da xerminación de varias plantas ao longo das semanas, debendo ocuparse do seu mantemento.
  • A7. Bingo vexetal. Os usuarios e usuarias participaron nun bingo, no cal os números foron substituidos por plantas.

20 alumnos e alumnas do C.F.G.M. CAE realizaron as actividades, traballando por equipos cos usuarios e usuarias, baixo a supervisión do persoal do Centro de Día e do profesor do módulo.

Voz Natura financiou o material que utilizamos nesta colaboración, parte do cal foi doado aos usuarios do Centro de Día As Neves e ás súas familias. O Centro de Día aportou as súas instalacións e tamén unha pequena parte de material de traballo. Os produtos elaborados e as plantas utilizadas doáronse aos usuarios para que puidesen agasallalas aos seus familiares.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente a todo o persoal do Centro de Día, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e á organización de Voz Natura o seu traballo e colaboración para lograr facer realidade esta iniciativa.

Share this Post