NOEMÍ LAGO EXPLICOU AO NOSO ALUMNADO DE ENFERMERÍA DIVERSAS ESTRATEXIAS E TÉCNICAS PARA LOITAR CONTRA O DETERIORO COGNITIVO DOS NOSOS MAIORES

/ Outubro 23, 2023/ Noticias

Esta sesión forma parte do Proxecto Empresa – Aula do noso ciclo, celebrándose semanas antes de iniciar o período de estancia do noso alumnado nas empresas do primeiro trimestre: centros de día e residencias de maiores da nosa contorna. 

O pasado 16 de outubro, Noemí Lago transmitiu ao noso alumnado o seu coñecemento sobre as actividades de tempo libre que se realizan cos usuarios en residencias e centros de día e que teñen por obxectivo combatir o deterioro cognitivo, complementando á perfección a sesión de DIVULGAMENTE impartida polo Doutor Carlos Spuch.

Naquela sesión, o noso alumnado recibiu información actualizada sobre as causas e a natureza de enfermidades como o Alzheimer. Na sesión de Noemí Lago, o noso alumnado aprendeu técnicas concretas a desenvolver cos afectados para paliar os síntomas propios do avance desta enfermidade. Esta sesión foi, ademáis, un complemento perfecto para os contidos deste trimestre no módulo Promoción da Saúde sobre deterioro cognitivo, enfermidades orgánicas mentais e trastornos crónicos.

Entre estas técnicas explicadas por Noemí destaca o Método Montessori adaptado ás demencias, fomentando a estimulación cognitiva a través dos sentidos (imaxes, cores, e sons). Tamén salientou as actividades de reminiscencia, rehabilitación e xerontoximnasia, as manualidades, os obradoiros de debate e a musicoterapia, a cal sempre ten un impacto positivo universal.

Noemí recordou algo esencial para potenciar a motivación do noso alumnado nesta próxima estancia: a profesionalidade necesaria por parte dos TCAEs para dar un trato de calidade aos usuarios e usuarias de residencias e centros de día.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente a colaboración de Noemí Lago na formación dos nosos estudantes do C.F.G.M. CAE

Share this Post