Sesión formativa con Mariam, da Fundación ONCE

/ Decembro 17, 2021/ Noticias

Os dous cursos do Ciclo Superior de Educación Infantil tivemos a sorte de ter connosco a Mariam, traballadora e afiliada á  Fundación ONCE.

Mariam contounos como funciona esta Organización, a súa historia, que se remonta ao ano 1938, e aínda que se centra no apoio que prestan ás persoas con diversidade funcional de tipo visual, explicounos tamén que a partir do ano 1988 a Fundación ONCE presta servizo ademáis a outro tipo de diversidades funcionais.

Falounos da importancia que supón o coñecemento do Braille, e do material adaptado (láminas adaptadas, material sonoro, maquetas…) para que as persoas con déficit visual poidan levar a cabo unha vida normalizada, tendo integrado un sistema de lectura e escritura. Tamén ofrecen servizo de orientación laboral, axudando na contratación e na inclusión de persoas con déficit visual. Contan tamén con un  servizo de  apoio psicosocial, a través de  psicólogos e psicólogas, e con un  departamento de axudas sociais xestionado por traballadores e traballadoras sociais. O obxectivo final que perseguen dende a ONCE é axudar ás persoas a ter unha vida o máis autónoma posible, tanto a nivel laboral como persoal, e para iso acompáñanas dende que a persoa acode a eles e ó longo de toda a súa vida.

Para sensibilizar e concienciar ao alumnado, fixemos tamén unha práctica co bastón blanco e cunha máscara negra, que nos axudou a poñernos no lugar do outro, a sentir na propia pel as dificultades e barreiras na contorna, e así valorar o esforzo que fan día a día as persoas con diversidade funcional de tipo visual.

Quedamos cunha gran frase que recalcou Mariam, e é que queremos reivindicar a capacidade das personas, e non tanto a discapacidade.

Moitísimas grazas Mariam pola túa entrega!

Foi unha verdadeira dose de enerxía  a túa presenza connosco!

Share this Post