O NOSO ALUMNADO DE ENFERMERÍA COÑECE OS ÚLTIMOS AVANCES NA INVESTIGACIÓN SOBRE O ALZHEIMER DA MAN DO DOUTOR CARLOS SPUCH, INVESTIGADOR EXPERTO EN NEUROBIOLOXÍA

/ Outubro 23, 2023/ Noticias

EFA A Cancela foi un dos centros educativos seleccionados para participar no Programa DIVULGAMENTE, impulsado por FAGAL e a Fundación Barrié. 

O luns 09/10/2023, acudimos á sede viguesa da Fundación Barrié para asistir á primeira sesión do Programa DIVULGAMENTE, un Proxecto de sensibilización impulsado pola Federación Alzheimer Galicia e a Fundación Barrié que ten como obxectivo amosar de xeito próximo e dinámico que son as demencias, como afectan ao cerebro e as diferentes demencias existentes, achegando aos estudantes á realidade desta doenza que afecta en Galicia a mais de 70.000 persoas.

Durante hora e media desfrutamos dunha estupenda presentación divulgativa por parte do Doutor Carlos Spuch, na cal explicou de xeito accesible e próximo as diferenzas entre os distintos tipos de demencias, relatando os inicios da investigación sobre o Alzheimer e os fitos fundamentais da súa historia.

O Doutor Spuch tamén compartiu con nós os últimos e sorprendentes descubrimentos que nos permiten comprender mellor a natureza e orixe deste mal e os avances actuais en materia de diagnóstico temperán, destacando a estratéxica vantaxe que este supón: a capacidade de que a persoa afectada tome decisións ben informadas para o futuro mentres a enfermidade non presenta os seus síntomas e aínda existe capacidade para isto.

Este evento incluiuse na programación horizontal do noso Ciclo de Enfermería como parte do Proxecto Empresa – Aula, celebrándose un mes antes de iniciar o período de estancia do noso alumnado nas empresas do primeiro trimestre: centros de día e residencias de maiores da nosa contorna.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente o estupendo traballo do Doutor Carlos Spuch así como a colaboración da Federación Alzheimer Galicia e a Fundación Barrié na formación dos nosos estudantes do C.F.G.M. CAE

Share this Post