O NOSO ALUMNADO DE COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMERÍA VISITOU O CENTRO DE DÍA SAUDALIA (PONTEAREAS)

/ Novembro 15, 2022/ Noticias

Marta, a súa directora, amosounos as instalacións e respondeu a todas as dúbidas do noso alumnado nunha visita que resultou un preludio ideal á estancia que os nosos futuros TCAEs realizarán en centros de día e residencias de maiores na penúltima semana de novembro. 

O mércores 9 de novembro tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Día Saudalia, situado en Ponteareas, unha das empresas que colaboran con EFA A Cancela para a realización dunha dinámica semana de estancia onde os nosos estudantes realizarán un proxecto de investigación.

O alumnado accedeu ao Centro en dúas quendas e tivo a oportunidade de coñecer todas as instalacións interiores e exteriores, moi coidadas, luminosas e agradables, nas cales os usuarios poden convivir entre as 8:00 e as 20:00. Aquí, desfrutan dun servizo de comedor, transporte adaptado, zonas de aseo asistido, servicio de fisioterapia e multitude de actividades que favorecen a súa estimulación cognitiva continua, a socialización e o desenvolvemento da autonomía propia.

O persoal a cargo do Centro (2 conductores, 1 traballadora social, 1 educadora social, 1 logopeda, 1 fisioterapeuta, 5 auxiliares/xerocultoras e 1 persoa encargada da limpeza) traballan en equipo e en colaboración coas familias e outros servizos externos (como podoloxía e catering) para garantir o benestar de todos os usuarios, as idades dos cales rondan os 85 anos, manifestando en todo momento moita profesionalidade e empatía, cun trato próximo que destila agarimo.

Despois da visita, o noso alumnado realizou unha posta en común da experiencia vivida, na cal puideron interactuar cos usuarios. Entre todos, elaboraron un informe no cal se recollen as particularidades do funcionamento diario dun centro de día, obtendo un modelo que permite recoñecer e comprender a función que realizarán no futuro en empresas deste tipo.

Desde EFA A Cancela agradecemos a estupenda atención recibida durante esta visita e a continua e fructífera colaboración co Centro de Día Saudalia na formación dos nosos estudantes.

 

Share this Post