Noemí Lago contribúe á formación e motivación dos nosos auxiliares de enfermería, destacando a importancia da súa futura profesión na loita contra o deterioro cognitivo dos nosos maiores

/ Novembro 11, 2022/ Noticias

Esta sesión forma parte do Proxecto Empresa – Aula do noso ciclo, celebrándose semanas antes de iniciar o período de estancia do noso alumnado nas empresas do primeiro trimestre: centros de día e residencias de maiores de toda a comarca. 

O pasado 3 de novembro, Noemí Lago acudiu á aula do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermería para transmitir ao noso alumnado o seu coñecemento sobre as actividades de tempo libre que se realizan cos usuarios en residencias e centros de día. Así, repetimos unha sesión formativa que xa fora un éxito o pasado curso e que, unha vez máis, contou cunha estupenda acollida.

O alumnado coincidiu en remarcar as dotes da experta como oradora e transmisora de coñecemento, valorando a súa traxectoria e experiencia, complemento perfecto para os contidos do módulo de Promoción da Saúde sobre deterioro cognitivo, enfermidades orgánicas mentais e trastornos crónicos que tan importante é coñecer para poder axudar mellor ás persoas usuarias destes centros.

Deste xeito, Noemí explicou diversas técnicas e actividades que axudan a ralentizar de forma efectiva o deterioro cognitivo. Entre estas actividades (que poden ser de estimulación sensorial, lúdicas, artísticas e físicas) destaca o Método Montessori adaptado ás demencias, fomentando a estimulación cognitiva a través dos sentidos (imaxes, cores, e sons) e utilizando recursos tan efectivos como os paneles con texturas ou materiais que inclúen diferentes tipos de olores embotellados. Tamén salientou as actividades de reminiscencia, rehabilitación e xerontoximnasia, as manualidades, os obradoiros de debate e a musicoterapia, a cal sempre ten un impacto positivo universal.

Antes de iniciar estas actividades é imprescindible que o usuario ou usuaria sexan valorados no centro por un equipo multidisciplinar, sendo habitualmente o psicólogo ou psicóloga quen aplica a proba cognitiva, xa sexa o MEC (Mini Exame Cognoscitivo de Lobo), o Cuestionario Pfeiffer ou o Test de Barthel, o cal ten en conta as AVD (Actividades básicas da Vida Diaria).

Noemí tamén indicou que é necesario adaptarse ao perfil de cada usuario á hora de deseñar e distribuir as actividades para que estas logren cumprir o seu obxectivo: estimular ao máximo nivel posible as potencialidades de cada persoa. Este modelo que fomenta a atención personalizada en cada usuario conta cunha longa traxectoria e recoñecemento internacional, utilizándose cada vez máis no sector; recibe o nome de Atención Centrada na Persoa (ACP) e acompaña perfectamente á función motivadora do TCAE.

Ademáis da labor dos musicoterapeutas, psicólogos e outros expertos, Noemí recordou algo esencial para potenciar a motivación do noso alumnado nesta próxima estancia: “O traballo dos auxiliares en todas estas actividades e experiencias é fundamental. Sodes imprescindibles”.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente a profesionalidade de Noemí Lago e a súa contribución á formación dos nosos estudantes do C.M. CAE.

 

Share this Post