1ª Xornada I Fórum Emprego EFA A Cancela

/ Novembro 17, 2022/ Noticias

Comezamos a primeira xornada do Fórum de Emprego EFA A Cancela con Don Emilio Pérez Troncoso, responsable de Desenvolvemento Profesional e Prácticas na Universidade Intercontinental da Empresa UIE, coa sesión “Como afrontar unha entrevista de traballo con éxito”:
“É fundamental formarse para unha entrevista de traballo” ou “Non hai unha 2ª oportunidade para unha primeira boa imaxe”, foron algunhas das conclusións da sesión na que Emilio destacou a importancia de investigar sobre a empresa antes de realizar unha entrevista de traballo, xa sexa presencial ou por videoconferencia.
A continuación Dona Susana Pintos Castro, Técnica de Orientación Laboral do Concello de Salceda de Caselas detallounos “Como elaborar adecuadamente un Currículo Profesional”.
“Marca un obxectivo profesional” ou “O CV é a túa tarxeta de presentación” foron as ideas principais.
Susana describiu os diferentes tipos de CVs dos que dispoñemos e que o ideal é adaptar cada currículo ao tipo de oferta de emprego.
Don Xosé Alberte Cea Rodríguez, Orientador Laboral do Concello de Vigo abordou as Novas tecnoloxías na procura de emprego, e máis en detalle Linkedin.
“As estatísticas demostran que as persoas que participan en xornadas de procura de emprego como o organizado hoxe pola EFA A Cancela, teñen máis opcións de atopar un emprego antes e con mellores condicións”.
Xosé Alberte destacou a importancia de Internet neste novo sector, as RRSS, plataformas como Linkedin ou Infojobs para a procura de emprego.
Finalmente Dona Silvia Vivián Álvarez, consultora de Recursos Humanos en ETT Nortempo na súa sesión “Xestión dos recursos humanos na procura de emprego”, empezou desmentindo mitos das ETTs como os relacionados aos soldos máis baixos ou a temporalidade dos contratos, xa que iso está lonxe da realidade, especialmente nalgúns sectores.
Destacou que as persoas con Ciclos Superiores teñen un tempo medio de colocación de 1 ano e os que posúen Ciclos Medios, entre 1 a 2 anos, o que supón unhas moi boas cifras para o tipo de formación que ofrece a EFA A Cancela.
Moitas grazas a todos os relatores por facer posible estas Xornadas e aos nosos alumnos pola súa inestimable axuda como azafatos/as, fotógrafas, cámaras de vídeo, técnicos de son e por facer eses doces tan ricos!
Share this Post