Inauguración da VII Semana Gastrocultural

/ Maio 19, 2022/ Noticias

Inauguración da VII Semana  Gastrocultural a cargo de Don Xosé Rodríguez Méndez, alcalde de As Neves, Dona María del Carmen Gil, presidenta da Asociación EFA A Cancela e Dona Lara Fernández, directora da escola de Formación Profesional  EFA A Cancela.

O tema elixido este ano é a importancia da nutrición para o noso benestar físico e emocional: Nutrición=Vida.

Grandes profesionais deste sector tiveron a deferencia de axudarnos a difundir  esta mensaxe.

Dna. Lara Fernández deu a benvida e o seu agradecemento a todos os relatores. Ademáis manifestou o interese da temática e propuso aos alumnos que estivesen atentos porque esta é unha oportunidade para escoitar e aprender sobre un tema tan importante como é a nutrición.

Dna. M Carmen Gil deu a benvida e o agradecemento ás autoridades, relatoras e participantes. Fai unha posta en valor da Semana Gastrocultural, do programa Empresa-Aula e de tantos outros proxectos que leva a cabo a Asociación EFA A Cancela.

O alcade das Neves pola súa banda destaca que é un auténtico pracer estar na VII Semana Gastrocultural. Leva seis edicións traballando e comprometido con este evento no que sente como na casa. Dá a benvida a todos e agradece á EFA A Cancela pola súa achega ao Concello tanto pola estética deste acto como por tantas outras iniciativas.

Ademais, en relación coa temática propón que a educación intelectual e emocional é fundamental. Felicita á EFA por avanzar e atopar novas fórmulas para progresar.

Comezamos coas primeiras sesións: EMBARAZO, LACTACIÓN MATERNA E BLW.

Dona Yolanda González  Maio, traballadora social perinatal e asesora de lactación.

O primeiro que destacou Yolanda é a falta de información e os mitos que xurdiron en relación coa lactación.

A pesar de que a OMS afirma que a lactación materna é o modo ideal de achegar aos bebés os nutrientes que necesitan para un crecemento e desenvolvemento saudable, a frecuencia e duración da lactación materna diminuiu de forma rápida tras os fenómenos da industrialización, urbanización e integración da muller ao ámbito laboral.

Factores sociais, económicos e culturais, xunto ao bo márketing do leite de fórmula, propiciaron unha información errónea acerca da lactación materna que nos levou a dubidar de nosa propia capacidade de aleitar.

Yolanda puxo en valor a lactación materna cos beneficios para a nai e para o bebe e remarcou que non só é responsabilidade da nai senón que tamén é responsabilidade da familia e da sociedade.

A continuación foi a quenda de Dona Carmen Amorín Pedrosa, enfermeira e matrona, especialista en BLW (Baby Led Weaning ou alimentación autorregulada) e máster en medicina natural.

Carmen explicou en que consiste o BLW ou alimentación autorregulada. Trátase dun destete dirixido polo bebé. A medida que o neno ten máis interese pola comida vai deixando as tomas de lactación materna. Este método baséase no respecto que se concreta en non obrigar ao neno nunca a comer, atender os seus sinais de fame ou saciedade e favorecer que o neno poida comer en por si.

Este método ten beneficios como a creación de hábitos e unha boa actitude do neno cara á alimentación, aprende a comer con seguridade, etc

A seguinte ponencia versou sobre o título DIETAS MEDITERRÁNEA E ATLÁNTICA.

Don Francisco Jesús Represas, enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar Comunitaria, doutor en Endocrinoloxía e profesor na Universidade de Vigo.

O doutor Francisco Represas comezou dicindo que tanto a dieta Mediterránea como a Atlántica significan alimentación equilibrada. Estas dietas recomendan unha gran variedade de alimentos pero de forma equilibrada.

Ambas dietas son esencialmente parecidas pero cambian determinados alimentos. Adáptanse as mesmas recomendacións aos alimentos máis característicos da zona.

Os beneficios para a saúde serían alimentación cun baixo índice glucémico, elevado contido en fibra e perfil lípido adecuado.

Finalmente Francisco comentounos o plan de choque de Obesidade Zero de Sanidade para reducir un 15% a poboación con sobrepeso e obesidade para 2030 porque o 13 % da poboación ten obesidade e o 40% ten sobrepeso..

A continuación a NUTRICIÓN PREESCOLAR E ESCOLAR foi o seguinte tema tratado.

Don José Ignacio García Burriel, dixestivo pediátrico.

O doutor Burriel comezou dicindo que a nutrición destas últimas épocas tivo moitos mitos e erros. Afirmou tamén que é importante empezar a crear hábitos saudables nestas etapas de forma que se poidan previr enfermidades relacionadas coa alimentación. Ademais é necesario satisfacer as necesidades do neno para o seu desenvolvemento e dacordo á súa idade.

Finalmente fixo unhas recomendacións acerca dos distintos alimentos para nenos preescolares, para nenos escolares e unha serie de recomendacións para os comedores escolares

 

Share this Post