1º día Semana Gastrocultural 2º parte

/ Maio 19, 2022/ Uncategorized

Despois dunha pausa-café continuamos coa PREVENCIÓN DO CANCRO A TRAVÉS DA ALIMENTACIÓN coa participación de Dona María del Carmen Abeledo Márquez, enfermeira e presidenta provincial da AECC en Pontevedra.

Dna. María del Carmen destacou os factores de risco que nos levan a ter máis posibilidades de contraer cancro como son a obesidade, o tabaco, o alcol, a idade ou mesmo a cantidade de comida que inxerimos ou como a cociñamos.

Manter o peso, facer exercicio, unha boa alimentación e evitar os factores de risco poden reducir nun 30% a posibilidade de contraer esta enfermidade.

Do mesmo xeito que existen alimentos que poden supoñer unha maior posibilidade de chegar a ter esta enfermidade, como a carne vermella, os procesados, os fritos ou os aceites, tamén hai estudos que demostran que as froitas, as hortalizas, o allo, a cebola, os  cítricos ou os froitos secos poden axudar a previlo.

Tamén son beneficiosas especias como a soia e a cúrcuma (demostrada unha menor incidencia de cancro en países asiáticos onde as consomen con frecuencia).

Os cereais son claves tamén para reducir algúns tipos de cancro.

Para máis información existe un Código Europeo do Cancro onde recolle todas estas recomendacións.

O COIDADO DO CORAZÓN A TRAVÉS DA ALIMENTACIÓN foi o tema tratado por Dona Isabel Coma Canella.

Catedrática de Cardioloxía e ex-directora do departamento de Cardioloxía da Clínica Universidade de Navarra e Profesora da Facultade de Medicina da devandita Universidade.

Dna. Isabel comezou a súa exposición cunha detallada descrición tanto da estrutura como do funcionamento do corazón.

Destacou que a principal enfermidade do corazón é a arterioscleroses que pode provocar un  coágulo ou  trombo que podería derivar nun infarto.

Os órganos máis afectados do corpo por mor dun  trombo son o cerebro ou as arterias femorais (que provocará unha dor muscular nas pernas podendo acabar en  gangrena).

Tamén destacou, como outros relatores, a importancia de evitar a obesidade, a vida sedentaria ou o tabaco para coidar o corazón e valorou a importancia dunha boa alimentación.

Debemos reducir os  triglicéridos e o colesterol consumindo cereais e evitando precociñados ou bolería industrial.  Asimesmo realizar exercicio con frecuencia.

É importante manter os valores do colesterol por baixo de 200, aínda que o ideal sería uns 150.

Por último lembrou a importancia da Dieta Mediterránea.

A continuación tivo lugar unha mesa redonda con Don José Ignacio García Burriel, Dona Carmen Esteban, farmaceútica de As Neves, e Dona Isabel Coma Canella na que se intercambiaron opinións de todo o relatado durante a mañá.

Finalizamos cos HÁBITOS ALIMENTICIOS DESDE A ESCOLA: COMEDORES ESCOLARES ECOLÓXICOS.

Don Xavier Simón Fernández, profesor titular da  Universidade de Vigo destacou que un dos principais problemas na actualidade é o cambio climático ou as desigualdades sociais e a nosa alimentación está relacionada con isto.

Con todo, tamén quixo aclarar que estas diferenzas sociais non teñen por que afectar nunha boa alimentación, se estamos concienciados e eliximos ben os alimentos.

Para xerar un cambio nos comedores escolares de Ames tiveron en conta todos os factores: ambientais, sociais e nutritivos. Comer mellor sen causar un dano ambiental; reducir o consumo de carne, por exemplo supoñería comer máis san e reducir custos económicos e ambientais, repercutindo favorablemente na nosa alimentación.

Moitas grazas a todos os relatores por contribuír a unha xornada tan formativa e entrañable cunha gran participación e colaboración dos nosos alumnos

Share this Post