II Xornada da VIII Semana Gastrocultural

/ Maio 4, 2023/ Noticias

A GORRIONA ESCOLA DA NATUREZA: “O emprendemento no rural, unha achega á natureza e á integración nas aulas”

Miguel Garrido Ramos, xerente.

Esta Escola da Natureza é a aposta dun mozo emprendedor de Salvaterra de Miño.

Miguel Garrido Ramos é un mozo de Salvaterra de Miño, que despois de moito sopesar a idea, decidiu emprender apostando por quedar no seu municipio e dar saída á súa vocación: o ensino. Miguel ten maxisterio e pedagoxía como segunda carreira.

Esta Escola de Natureza, situada na parroquia de Cabreiras, mantén o nome da casa familiar -moi antiga-, onde se sitúa. “É unha casa recuperada que xa se chamaba así, ‘A Gorriona’ e que pertence á súa familia desde 1800, ten moita historia”. Agora, tras a rehabilitación, dispón de catro aulas (unha específica de informática). Ten horta e colmeas e ten como obxectivo dar reforzo extraescolar a nenos con necesidades especiais (autismo, hiperactividade, ou incluso con enfermidades raras aínda non diagnosticadas).

Conta con colexios que lle piden reforzos extra; ofrece un horario moi amplo (15:30 a 20:30), con clases divididas en tres bloques: repaso ás tarefas do cole; recreo e merenda; e talleres moi diversos: barro, cestería, aprender a facer queixo e pan, a pintar ou a coidar animais domésticos.

  • OUTONÍA Soc. Coop.:” Unha aposta polo cooperativismo, a innovación social e a plenitude de dereitos nos espazos rurais”

Paula Carrera Sotelino, educadora social.

Outonía é un recuncho da terra afastado entre altos cumios, é a auga dos ríos limpa e fría polo desxeo das neves, Outonía é un castiñeiro centenario e unha carballeira. É ese lugar no que as aldeas son casas baleiras e o fume sae de poucas chemineas, Outonía é un colexio pequeno, é un falar miúdo pero galego. Outonía é comunidade, rede e creatividade, é un rural vivo e cheo de oportunidades. “Outonía era a nosa utopía. Hoxe é realidade”, destaca Paula.

Das inquedanzas de tres educadoras sociais nace este proxecto. Dende as montañas do Courel, o Macizo Central e Trevinca, dende tres puntos xeograficamente distintos, nace esta meta común: a de ser quen de “vivir aquí” construíndo. Non só coma unha forma de emprego, senón coma unha forma de vida.

A cooperativa medra co fin de xestar proxectos educativos desde e para os territorios rurais, fiando realidades e propostas a través dos feminismos, a sustentabilidade rural e o respecto pola memoria e o patrimonio inmaterial das súas comarcas.

Desde Outonía, deseñan, aplican e avalían proxectos que integran e promoven a igualdade e a sustentabilidade ambiental. “O Laboratorio Mutante” é un dos seus principais proxectos.

Traballan tanto coa administración pública, coma con entidades privadas e do terceiro sector.

  • DIXITAL GOU: “Transformación dixital de empresas no rural”

Pablo Sanmartín Nogueiras, xerente.

Dixital Gou, a axencia de márketing dixital e informática impulsada por Pablo Sanmartin é Premio á Mellor Iniciativa Emprendedora 2020. O xurado destacou neste caso “a súa visión de futuro e a súa capacidade de reinvención ante as adversidades”.

Axudan a empresas, institucións e organizacións a ser relevantes, a construír a súa reputación e a xerar resonancia, a través da súa transformación dixital e na xestión da súa imaxe.

“Sen un plan de acción non hai seguridade, e sen seguridade non hai garantías. Unha boa estratexia é sinónimo de vitoria, e para poder definila o máis importante é coñecer onde quérese chegar”.

“Para nós o máis importante no noso proxecto son as persoas que forman o noso equipo”.

“(Coñecemento+Aptitude) x Actitude”. “O fracaso é unha oportunidade de aprendizaxe”.

Estas foron algunhas das frases que Pablo destacou na súa sesión.

Toda innovación que se introduza nunha contorna empresarial ten que cumprir o obxectivo de facilitar a mellora na execución dos procesos internos da empresa e o tratamento da súa información.

Pablo rematou a súa intervención describindo diferentes proxectos no rural como as patacas “Jaly” ou a venda de empanadas a través das RRSS por un matrimonio xa xubilado.

  • MAR ABAIXO: “EXPERIENCIAS DE ECOTURISMO

Xandro García Regueira, fundador.

A fascinación polo mar é o leitmotiv desta empresa, que ademais de asistencia técnica especializada no medio mariño, tamén realiza rutas turísticas inmersivas nun barco tradicional pola baía de A Coruña, rutas intermareais por terra e divulgación científica.

Estas actividades desenvólvense cos valores de:

  • Sustentabilidade: respecto ao entorno
  • Proximidade: coñecemento do que temos cerca (produtos locais)
  • Obxectividade: baseado en datos, observacións reais

Emprender é un camiño duro pero tamén gratificante.

  • VAGUADA AVENTURA: “UN OCIO DIFERENTE

Guillermo Moure Álvarez, xerente.

“O río da vida, a vida é o río.”

Empresa de actividades multiaventura situada en Arbo. Desenvolven actividades no Miño como rafting, canoraft, kayak e hidrospeed, grazas as especiais condicións do río (pesqueiras, augas bravas).

Nós eliximos o camiño. El decidiu apostar polo rural, por descubrir e potenciar os seus recursos.

  • AFAMO Y LEGAR: “ESPAZOS E SONS

Martina Ferradás Martínez, coordinadora de AFAMO e socia fundadora de LEGAR.

Xavier Blanco Nogueira, presidente de LEGAR.

O obxectivo principal da Fundación Legar consiste en difundir e promover a preservación, conservación, mellora, protección, vixilancia e desenvolvemento da música de raíz.

AFAMO é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 2000 por un grupo de familiares de persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias, e cuxa orixe foi a necesidade de dar forma ás demandas dun colectivo de persoas afectadas polas consecuencias destas enfermidades.

Atendendo persoas é fundamental saber como coidalas. As actividades culturais axudan co deterioro cognitivo.

  • CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL, AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

Moisés Blanco Paradelo, Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Galicia é unha terra chea de recursos e oportunidades para emprender. A Lei de recuperación de terras pretende poñer en valor parcelas non produtivas ou en situación de abandono. Instrumentos:

  • Polígonos agroforestais
  • Aldeas modelo
  • Actuacións de xestión conxunta: agrupacións voluntarias

30 anos do LEADER en Galicia:

Cunha metodoloxía participativa, de abaixo a arriba, os propios actores xestionan o seu territorio. Nestes anos apoiáronse todo tipo de proxectos produtivos e non produtivos. En Condado-Paradanta no período 2014-20 foron aprobados 45 proxectos dos 172 presentados.

Finalmente, D. Moisés Blanco Paradelo, Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, D. Xosé Manuel Rodríguez, alcalde de As Neves e Dna. María del Carmen Gil, presidenta da Asociación EFA A Cancela clausuraron a VIII Semana Gastrocultural.

 

Share this Post