EFA A CANCELA CONTRIBÚE Á REFORESTACIÓN DE AS NEVES

/ Maio 6, 2022/ Noticias

Esta actividade, realizada no marco do noso proxecto para Voz Natura, executouse ao longo de boa parte da mañá e supuxo a plantación de 60 carballos nun antigo vertedoiro.

Cando deseñamos o noso proxecto “As Neves, Naturalmente” para esta XXV edición do Programa Voz Natura tiñamos moi claro que era o noso deber xerar un impacto positivo na nosa contorna natural ademais de investir o orzamento concedido por Voz Natura en empresas da nosa zona.

Por iniciativa de familias do noso alumnado, realizamos esta actividade coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Cipriano de Ribarteme (As Neves), coa cal xa colaboraban activamente.

Armados con pas e sachos e baixo as instrucións dos membros da comunidade de montes, iniciamos a restauración desta zona degradada, aproveitando tamén a ocasión para recoller todos os refugallos que atopamos mentres realizábamos a plantación de carballos.

Rematada a actividade con éxito, comprometémonos a realizar un esforzo aínda maior nos próximos cursos para plantar aínda máis árbores autóctonas na zona e axudar así a restablecer o pulmón e a beleza verde de As Neves ao tempo que educamos ao noso alumnado en valores de respeto ao medio natural na súa contorna máis inmediata.

En EFA A Cancela agradecemos a colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Cipriano de Ribarteme (As Neves), en cuxos terreos se realizou a plantación e, en concreto, ao seu presidente José Manuel Prieto. Tamén agradecemos a labor de Agro Acuña, empresa da zona que proveu os carballos e, por suposto ao noso estupendo alumnado, colaborador e moi concienciado coa saúde ambiental de As Neves así como á organización de Voz Natura por concedernos os fondos para acometer esta e outras moitas actividades do noso proxecto

Share this Post