Elena Covelo imparte unha sesión formativa sobre o traballo diario do TCAE nunha residencia de maiores

/ Novembro 22, 2022/ Noticias

Esta antiga alumna da primeira promoción do CFGM de CAE traballa actualmente na Residencia Covelo, da Fundación San Rosendo. 

Sempre é unha sorte recibir a relatores que nos visitan para transmitir a súa experiencia e saber… pero neste caso concreto e tendo en conta o percorrido de Elena Covelo na nosa EFA, a ocasión merece unha mención especial, cargada de ledicia e satisfacción para o profesorado do ciclo, a dirección e o resto do equipo do noso centro educativo.

O pasado 15 de Novembro, no momento de recibir esta sesión formativa, o noso alumnado xa visitara un centro de día e gozara dunha estupenda sesión de formación sobre actividades de tempo libre para combater a deterioración cognitiva en residencias e centros de día. Así pois, a intervención de Elena permitiu redondear un estupendo preludio preparatorio para a estancia do noso alumnado en diferentes empresas da comarca.

Foi moita a información que Elena proporcionou á clase sobre os detalles do funcionamento dunha residencia de maiores, respondendo así a multitude de dúbidas que o noso alumnado preparara, mediante dinámicas colaborativas, previamente á celebración desta sesión. A información de maior relevancia para a ocasión estaba directamente relacionada co conxunto de tarefas específicas que as TCAE e xerocultoras da Residencia desenvolven diariamente cos 52 usuarios, incluíndo cambios posturales, preparación de camas, hixienes, lavado, pasado do ferro e dobrado da roupa, administración de almorzos e toma de temperaturas entre outras moitas.

Os nosos futuros TCAE expresaron un especial interese, durante a sesión, en coñecer como se debe actuar ante situacións de maior complexidade (emerxencias sanitarias, condutas agresivas de usuarios, etc.), nas sutilezas da interacción cos usuarios que sofren demencia, Alzheimer e outros trastornos e, ante todo, en cal é a experiencia vital dunha auxiliar de enfermería como Elena ao traballar nesta dimensión específica do sector sanitario.

“O máis duro do traballo é o aspecto psicolóxico; ten un impacto destacable ao traballar con persoas que padecen Alzheimer… unha enfermidade terrible”, comentounos Elena, á vez que matiza que nos atopamos ante un traballo moi satisfactorio, que persoalmente lle axuda “a valorar a vida e aproveitar cada momento”. Precisamente, á hora de paliar o avance inexorable do Alzheimer, Elena fai fincapé en actividades das que xa nos falou Noemí Lago nunha sesión formativa anterior, como a ximnasia rehabilitadora; neste sentido, tamén nos explica que na Residencia procúrase que ninguén estea encamado, dentro do humanamente posible. “Poida que os usuarios non che recoñezan en ocasións pero ti si os recoñeces; por tanto, debes falar e interactuar con eles”.

Elena tamén destaca a importancia da formación continua para que un TCAE mellore como profesional. En referencia a isto, engade que a Fundación San Rosendo favorece dita formación, fomentando que aquel persoal sen titulación específica poida obter un título de xerocultor.

“O que máis me gusta do meu traballo é poder axudar á xente maior e aprender algo novo todos os días”. Ao ser preguntada pola necesidade de desconectar fóra do traballo, Elena indica que non somos robots que podamos desconectarnos e/ou apagarnos a vontade: “somos seres humanos e é importante manter esa compoñente humana na interacción cos usuarios e no seu coidado”.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente a Elena Covelo a súa dispoñibilidade e calidade humana, fundamentais na transmisión da súa experiencia aos nosos estudantes do CFGM de CAE. Tamén aproveitamos a oportunidade para agradecer a colaboración da Fundación San Rosendo na realización de estancias para o noso alumnado durante este primeiro trimestre

Share this Post