Xoguetes tradicionais

/ Maio 27, 2021/ Noticias

Este pasado luns tivemos a sorte de contar con Pepe López, profesor da ESO e Bacharelato, e investigador incansable sobre o xoguete tradicional dende hai máis de vinte anos. Ten publicados varios libros interesantísimos que vos recomendamos se queredes coñecer máis sobre este tema tan apaixoante, e podedes velos nas imaxes que vos adxuntamos.

Pepe ensinounos varios dos xoguetes que el mesmo elabora con árbores e materiais naturais. Bota man de castiñeiros, cardos, xuncos, loureiros…para facer rin-ran de noces, muíños, estraloques, cataventos, bonecas, colares, carros, grileiras, foguetes e outros moitos xoguetes que nos trasladan ao noso pasado e nos fan volver a xogar e disfrutar no presente.

Ao final da sesión tamén fixemos os nosos propios xoguetes. Foi unha experiencia moi enriquecedora para todos.

Moitas grazas Pepe!

 

Share this Post