Visita formativa a cargo de Lorena Fernández, responsable de Atención Temperá da Asociación Down Vigo

/ Marzo 8, 2022/ Noticias

O pasado venres o alumnado de 1º do Ciclo Superior de Educación Infantil recibiu unha interesante sesión desta profesional da Asociación Down Vigo, que naceu no ano 1989, e traballou desde entón co obxectivo principal de lograr a plena inclusión de persoas con Síndrome de Down e outros tipos de diversidade funcional.

Explicounos nun primeiro momento as características biolóxicas, fisiolóxicas e socio-afectivas das persoas que padecen esta síndrome, que han de terse en conta para o traballo diario na aula. Tamén nos guiou polos diferentes programas que levan a cabo na Asociación, para cubrir as necesidades e o acompañamento nas diferentes etapas das persoas usuarias.

Por último centrouse na área de Atención Temperá, xa que abarca desde os 0 aos 6 anos, e por iso é a etapa que máis pode interesar en Educación Infantil. Deunos un amplo abanico de recomendacións que deberán ter en conta como futuros docentes na aula. Algunhas delas foron: buscar os intereses do alumno ou alumna con diversidade funcional, adaptar as actividades ao seu nivel de desenvolvemento, ser claros e breves no discurso, programar actividades curtas e moi variadas para captar a súa atención, utilizar xestos e apoios visuais sempre que sexa posible… e moi importante, traballar as rutinas e a autonomía persoal sempre partindo do punto no que se atopa cada neno ou nena, e traballar desde aí.

Moitísimas grazas pola sesión!

Share this Post