Visita ao Valedor do Pobo, ao Parlamento de Galicia e ao Hotel San Francisco en Santiago de Compostela
O luns 24 de febreiro, os cursos de 1º de Administración e Finanzas e 2º de Ciclo Medio de Xestión Administrativa fixemos unha visita moi especial ao Valedor do Pobo e ao Parlamento de Galicia. Mentres tanto, o grupo de 1º de Ciclo Medio de Xestión Administrativa tivo a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento do Hotel San Francisco e os eventos que organizan alí.
No Valedor do Pobo explicáronnos cal é o seu papel na defensa dos dereitos da cidadanía e como xestionan as reclamacións das persoas cando senten que a Administración non está a actuar correctamente. Foi moi interesante descubrir como traballan e ver que calquera pode acudir a eles se precisa asesoramento ou axuda.
Despois, no Parlamento, tivemos a ocasión de coñecer mellor a súa historia, como se organizan os grupos políticos e como funciona o proceso lexislativo en Galicia. Estar no hemiciclo foi unha experiencia moi enriquecedora, xa que alí se toman decisións que afectan a toda a comunidade. Queremos agradecer especialmente a Hixinio, que foi o noso guía durante a visita, pola súa amabilidade e polas explicacións tan claras e interesantes que nos deu.
Por outra banda, o grupo que visitou o Hotel San Francisco puido ver de primeira man o bonito edificio histórico que ten o hotel como xestionan os eventos nun establecemento con tanta historia. Explicáronlles os diferentes tipos de actos que realizan, dende reunións empresariais ata vodas e congresos, e como se organizan para garantir que todo saia perfecto. Tamén queremos dar as grazas ao xerente do hotel e a coordinadora de eventos pola súa atención e por compartir connosco a súa experiencia no sector.
Foi unha xornada moi produtiva e enriquecedora para todos, na que aprendemos moito sobre diferentes ámbitos da xestión administrativa, tanto no sector público como no privado. Sen dúbida, unha experiencia que recordaremos!