Unha xornada de aprendizaxe para os nosos futuros TCAEs no Centro de Día, con AFAMO

/ Novembro 14, 2023/ Noticias

A coordinadora da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer do Morrazo recibiunos no Centro de Día de Alzheimer de Moaña, xestionado por esta entidade. 

O xoves 02/11/2023 viaxamos a Moaña para visitar o centro de día xestionado por AFAMO, onde Martina Ferradás, a coordinadora da entidade, nos amosou as instalacións, explicando a labor dos TCAEs nunha xornada habitual cos usuarios e usuarias.

Martina tamén nos relatou, con gran paixón, a historia de AFAMO e a súa misión de mellorar as vidas das persoas afectadas polas demencias, as vidas das súas familias e o conxunto da sociedade. Nunha clase maxistral do que debe ser a labor do persoal sanitario nun centro destas características, salientou a figura dos TCAEs e as pegadas positivas que unha labor profesional, asertiva e humanizadora deixan nas persoas con demencias que pasan polas súas mans.

Este evento incluiuse na programación horizontal do noso Ciclo de Enfermería como parte do Proxecto Empresa – Aula, celebrándose días antes de iniciar o período de estancia do noso alumnado nas empresas do primeiro trimestre: centros de día e residencias de maiores da nosa contorna.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente a paixón, o coñecemento e o exemplo virtuoso de Martina e de AFAMO, que de seguro contribuirán á mellor formación dos nosos estudantes do C.F.G.M. CAE.

Share this Post