UNHA VISITA AO BANCO DE SANGUE COMPOSTELÁN

/ Marzo 27, 2023/ Noticias

O noso alumnado do C.F.G.M. Coidados Auxiliares de Enfermería realizou unha visita de estudos ao Banco de Sangue da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). 

O xoves 16 de marzo, o noso alumnado viaxou ata o Campus Vida santiagués para coñecer a estrutura e funcionamento cotián das instalacións de ADOS onde se recepcionan e procesan as diferentes doazóns recollidas no territorio.

Destacamos, pola súa relación cos contidos do ciclo, dúas partes da visita: dunha banda, o funcionamento do laboratorio de recepción e distribución, no que traballan 22 técnicos en dúas quendas para recibir, revisar e procesar as bolsas de sangue, destacando os procesos de centrifugación, fraccionamento e posterior procesamento e conxelación de cada unha das fraccións obtidas (plasma, hematíes e placa leucoplaquetaria), destacando a obtención de plasmoderivados en Barcelona a partir das bolsas enviadas. Doutra banda, a parte de concienciación e promoción da doazón foi fundamental para os nosos futuros TCAE como parte da súa función como promotores da saúde.

Os laboratorios de control de calidade, de molecular e a unidade de procesamento analítico tamén lograron captar a atención do noso alumnado, finalizando a visita cun bocadillo e unha bebida antes de emprender o retorno ao noso Centro.

Desde EFA A Cancela, agradecemos aos responsables e a todas as traballadoras e traballadores do Banco de Sangue de ADOS o esforzo e a atención cos que nos agasallaron durante a nosa visita.

Share this Post