Sesión de estudo a cargo de Lucía Álvarez, mestra na escola infantil “Kid´s Garden”

/ Decembro 1, 2021/ Noticias

O alumnado do primeiro curso do Ciclo Superior de Educación Infantil recibiu unha sesión formativa a cargo desta profesional que leva xa dez anos formando parte da escola infantil Kid´s Garden, en Vigo.

Lucía contounos como se desenvolve o día a día na escola: o primeiro que fan é traballar o bloque da linguaxe mediante ” bits”, contando ademais coa axuda da mascota do cole “Nico”. Nesta actividade inclúese o traballo cos días da semana, as estacións do ano, e todo tipo de cancións e demais recursos para estimular a linguaxe oral dos nenos e nenas.

A continuación traballan o bloque da música, tan importante para o desenvolvemento dos cativos.

Despois chegaría o momento de traballar a psicomotricidade, e isto, explicou Lucía, débese facer sempre dunha forma lúdica e divertida. Dende circuitos ata arrastrarse polo chan imitando a diferentes animais…

E este momento xa daría paso ao espazo para a relaxación e volta á calma.

Tamén nos falou dos talleres polos que pasan os nenos de forma rotativa: taller de arte, taller de xogo simbólico e taller do conto.

Ademais deixoulles ao noso alumnado unha pauta clara dos hábitos máis importantes que deben traballar cos nenos e nenas: a hixiene, a orde, a alimentación e o soño.

Aconselloulles tamén sobre o importantes que son as rutinas nestas idades para transmitir seguridade e tranquilidade aos nenos, e que non deben esquecer traballar sempre sempre con reforzo positivo.

Moitas grazas Lucía por mostrarnos a túa experiencia, e lembrarnos unha vez máis o gratificante que é esta profesión.

Share this Post