O noso alumnado de enfermería organiza unha actividade didáctica no CEIP Valeixe

/ Abril 30, 2021/ Noticias

O noso alumnado de Enfermería cultivou un gran éxito entre nenas e nenos coa súa actividade centrada na elaboración dun libro didáctico. En vista disto e continuando co seu proxecto  MenteNatura, Ainhoa (unha alumna representante do equipo de actividades mensuais) desprazouse o pasado luns 26 ao CEIP Valeixe (A Cañiza), onde o persoal do centro tivo a amabilidade de recibila seguindo toda a normativa  COVID co maior dos coidados. Alí e en nome das súas compañeiras de equipo, Ainhoa desenvolveu varias actividades co alumnado de Educación Primaria.

Deste xeito, nas clases de 1º, 2º e 3º elaboraron un libro relacionando a folla de varias árbores froiteiras co seu froito correspondente mentres que nas clases de 4º, 5º e 6º elaboraron un libro sobre as plantas medicinais da nosa contorna e as súas propiedades.

Tamén aproveitou o momento para preguntarlles como fora a súa experiencia no confinamento. Mentres que o alumnado que vive no rural parecía levar bastante ben a situación, ao gozar de máis liberdade, dous alumnos que viviron esta situación en Madrid sufriron unha secuela importante: o insomnio, tendo que recorrer aos fármacos para conciliar o soño.

Enviamos o noso agradecemento ao CEIP Valeixe por colaborar co noso alumnado permitíndolle a realización desta actividade.

Share this Post