II XORNADA – VII SEMANA GASTROCULTURAL

/ Maio 20, 2022/ Noticias

Abrimos a II Xornada da Semana Gastrocultural con RESTAURACIÓN VEXETARIANA E MÁIS con Don Armindo Areal do Restaurante Cúrcuma, restaurante con máis de 25 anos de experiencia na cociña vexetariana e no mundo da restauración.

Con vocación temperá ao emprendemento na área de restauración, déronse conta de que había un nicho de mercado crecente na área de comida vexetariana e embarcáronse neste proxecto.

Así naceu Cúrcuma e leva xa máis de 20 anos. En principio naceu como restaurante vexetariano pero actualmente ampliou a súa oferta cara unha dieta tamén vegana. Cada vez hai máis demanda deste tipo de alimentación e esta filosofía de vida.

Ademais lembrounos algúns dos beneficios da saúde da dieta vexetariana como son a prevención do cancro, de enfermidades de corazón, a prevención de diabetes, de cálculos renais, etc.

Finalmente explicounos a súa forma de cociñar e algún dos seus pratos que poderemos probar se visitamos o seu restaurante.

Continuamos coa PREVENCIÓN DA OBESIDADE EN ESCOLARES con Dona Ana María Martínez Lorente, médico e responsable do programa Xermolón.

A obesidade é o trastorno nutricional máis frecuente na idade pediátrica e con importantes repercusións para a vida adulta. Nas últimas 4 décadas obsérvase unha tendencia ascendente no sobrepeso e a obesidade da nosa poboación infantil (segundo datos de 2013 máis do 33% de nenos entre 6 e 15 anos teñen sobrepeso en Galicia).

A nosa sociedade favorece o seu desenvolvemento: lecer pasivo, excesivo uso de pantallas, o propio deseño urbano en ocasións non favorece a súa prevención… Involucra a toda a sociedade: familia, educadores, restauradores, políticos…

A contorna alimentaria na infancia é clave para adquirir hábitos saudables e para previr a obesidade. Pasamos do comer por necesidade ao comer determinado polo márketing.

As decisións alimentarias deben estar ben informadas. Debemos pensar que é o que hai detrás do que se anuncia. A cada persoa, o que corresponde. Cada idade ten uns requirimentos alimentarios específicos.

Pero que é obesidade? O sobrepeso e a obesidade defínense como unha acumulación anormal ou excesiva de graxa con repercusións para a saúde e non ten que ver en exclusiva co  fenotipo, coa imaxe que se mostra.

A obesidade considérase froito da interacción entre  xenotipo e ambiente. A herdanza inflúe, pero unha dieta saudable e a actividade física minoran a predisposición xenética a determinadas doenzas.

Por tanto, a obesidade é unha patoloxía de orixe multifactorial: dieta, xenética, actividade física… A súa prevención empeza desde o momento do embarazo e segue ata o final da vida adulta. Unha dieta adecuada coa debida proporción entre azucres, proteínas e graxas adaptado ás respectivas idades pode ser determinante na configuración da obesidade

Share this Post