CULMINAMOS O TEMARIO DO 2º TRIMESTRE DE HIXIENE DO MEDIO HOSPITALARIO CUNHA VISITA Á CENTRAL DE ESTERILIZACIÓN DO CHUVI

/ Marzo 21, 2024/ Noticias

O noso alumnado de Enfermería visitou, no corazón do Hospital Meixoeiro, a central de esterilización que da servizo aos hospitais do SERGAS na Área Sanitaria de Vigo.

O pasado luns 11 de marzo o alumnado e dous profesores do CFGM Coidados Auxiliares de Enfermería desfrutamos dunha clase de 3 horas moi especial, directamente relacionada co noso módulo “Hixiene do Medio Hospitalario e Limpeza do Material”, no Hospital Meixoeiro de Vigo. É precisamente alí onde está ubicada a central de esterilización que da servizo aos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña, ademáis de ao 061, procesándose cada día instrumental utilizado nuns 1000 doentes.

 

A supervisora do servizo guiounos en todo momento, explicando a estrutura organizativa e funcional da central, os detalles pormenorizados dos procesos de limpeza, desinfección e esterilización dos materiais sanitarios que o noso alumnado xa leva descubrindo e estudando desde hai meses, o sistema de calidade ISO 9001 outorgado por AENOR á central e as súas implicacións en diversos aspectos como, por exemplo, o estupendo sistema de trazabilidade que permite a vinculación do instrumental ao paciente no que foi empregado, ao transporte e aos procesos aos cales é sometido na central.

O noso alumnado destacou, como en cursos anteriores, o valor desta visita. Trátase, ademáis, dun evento onde sempre se percibe o valor do traballo dos TCAEs, dependendo do seu bo facer que o contacto do instrumental cos doentes sexa seguro, garantindo así a preservación da súa saúde.

Share this Post