COÑECENDO A FONDO O FUNCIONAMENTO DA CENTRAL DE ESTERILIZACIÓN DO CHUVI

/ Marzo 11, 2022/ Noticias

O noso alumnado de Enfermería visitou a devandita central, ubicada na planta -1 do Hospital Meixoeiro, recibindo unha detallada visita guiada por Enrique Álvarez e a supervisora do servizo, María Martínez.

O pasado lunes 7 de marzo o alumnado e dous profesores do Ciclo de CAE desfrutamos dunha clase moi especial, directamente relacionada co noso módulo “Hixiene do Medio Hospitalario”, no Hospital Meixoeiro de Vigo. É precisamente alí onde está ubicada a central de esterilización que da servizo a toda a EOXI de Vigo e pola que pasan, na actualidade, unhas 2000 caixas de instrumental procedente de quirófanos, centros de Atención Primaria, plantas de hospitalización e diversas especialidades.

Durante a visita, o noso alumnado recibiu información sobre a súa estrutura organizativa e funcional, os detalles pormenorizados dos procesos de limpeza, desinfección e esterilización dos materiais sanitarios, o sistema de calidade ISO 9001 outorgado por AENOR á central e as súas implicacións en diversos aspectos como, por exemplo, o estupendo sistema de trazabilidade que permite a vinculación do instrumental ao paciente no que foi empregado, á súa historia clínica, ao transporte e aos procesos aos cales é sometido na central.

Sen dúbida, destacamos unha aprendizaxe no medio de todas as demáis: a posta en valor do traballo imprescindible que aquí desenvolven os TCAEs para asegurar a saúde de todas as persoas que somos tratadas neste sistema sanitario mediante o uso deste instrumental.

Share this Post