COÑECENDO A FONDO O FUNCIONAMENTO DA CENTRAL DE ESTERILIZACIÓN DO CHUVI

/ Febreiro 20, 2023/ Noticias

O noso alumnado de Enfermería visitou a devandita central, ubicada no Hospital Meixoeiro, recibindo unha detallada visita guiada pola supervisora do servizo, María Martínez.

O pasado luns 6 de febreiro o alumnado e dous profesores do CFGM CAE desfrutamos dunha clase de 3 horas moi especial, directamente relacionada co noso módulo “Hixiene do Medio Hospitalario”, no Hospital Meixoeiro de Vigo. É precisamente alí onde está ubicada a central de esterilización que da servizo a toda a Área Sanitaria de Vigo e pola que pasan, na actualidade, unhas 2000 caixas de instrumental procedente de quirófanos, centros de Atención Primaria, plantas de hospitalización e diversas especialidades.

Durante a visita, o noso alumnado recibiu información sobre a súa estrutura organizativa e funcional, os detalles pormenorizados dos procesos de limpeza, desinfección e esterilización dos materiais sanitarios que o noso alumnado xa leva descubrindo e estudando desde hai meses, o sistema de calidade ISO 9001 outorgado por AENOR á central e as súas implicacións en diversos aspectos como, por exemplo, o estupendo sistema de trazabilidade que permite a vinculación do instrumental ao paciente no que foi empregado, ao transporte e aos procesos aos cales é sometido na central.

Salientamos unha aprendizaxe no medio de todas as demais: a posta en valor do traballo imprescindible que aquí desenvolven os TCAEs para asegurar desde a distancia que o íntimo contacto do instrumental coa anatomía dos doentes sexa seguro, garantindo así a preservación da súa saúde.

Share this Post