A NOVA GUÍA DE PLANTAS MEDICINAIS DE AS NEVES… E RECEITAS POPULARES PARA REMEDIOS CASEIROS. UN PROXECTO DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA E PROMOCIÓN DA SAÚDE

/ Xuño 20, 2025/ Noticias

Esta edición 2025 inclúe 28 entradas de plantas (9 máis que a versión anterior) e 8 entradas de remedios caseiros (4 máis que a versión anterior). O alumnado do C.F.G.M. Coidados Auxiliares de Enfermería dos últimos cursos leva catro anos elaborando esta guía no seo do noso Proxecto Voz Natura, dentro do módulo Promoción da Saúde e Apoio Psicolóxico ao Doente.

O saber popular referente ás propiedades medicinais das plantas está lonxe de ser algo meramente anecdótico ou desprovisto de valor. Trátase dun valioso legado cultural, obtido a partir da observación e a experiencia e transmitido dunha xeración a outra desde hai séculos.

Esta información permitiu elaborar remedios naturais para mellorar o estado de saúde das persoas nas comunidades que non tiñan fácil acceso á medicina tradicional, aproveitando a estreita relación do ser humano co ambiente.

Porén, para garantir a eficacia e a seguridade destes “remedios caseiros” é fundamental que o coñecemento que os creou sexa sometido a investigación científica, a cal permite validar, refinar, matizar e corrixir estes saberes, axudando a integralos na medicina moderna e revestilos co valor que merecen.

Existen multitude de plantas e fungos con propiedades medicinais dos cales nos podemos servir para elaborar remedios caseiros, así que hai xa varios cursos decidimos iniciar este proxecto para, ano tras ano, ir elaborando, ampliando e mellorando unha guía coa intención de compartir cada nova versión da mesma online, con acceso libre e gratuito para todo aquel interesado na mesma.

Prema nesta ligazón para acceder á edición 2025 da nosa guía.

Share this Post