Unha hixiene de calidade nas instalacións sanitarias empeza pola axeitada xestión documental e de almacén

/ Decembro 21, 2021/ Noticias

Os ciclos de Coidados Auxiliares de Enfermería e Administración en Finanzas visitan as instalacións de DARLIM en Porriño, desfrutando dunha visita de estudos adaptada a contidos específicos de varios módulos formativos.

O curso pasado, Miguel Méndez (director comercial de DARLIM) xa visitara a nosa EFA para impartir no Ciclo de CAE unha interesante sesión formativa sobre as estratexias necesarias para lograr unha hixiene de calidade no ámbito sanitario, destacando os produtos ideais para esa finalidade. Este curso fumos un paso máis aló e complementamos aquela sesión formativa cunha visita ás instalacións de DARLIM en Porriño.

No Ciclo de CAE esta visita estivo principalmente enfocada aos módulos de Hixiene do Medio Hospitalario e Operacións Administrativas. Previamente á visita, os profesores destes dous módulos traballaron co alumnado para establecer unha guía da visita a partir da cal dar resposta a interesantes preguntas elaboradas na clase. Así, aprendemos sobre as instalacións requiridas, a xestión documental do almacén, o transporte e a xestión dos produtos de limpeza e desinfección, imprescindibles para reducir a prevalencia de infeccións nosocomiais. Diferenciamos, tamén, os tipos de produtos segundo a súa composición e o tipo de instalación sanitaria onde se van aplicar. Ademáis, fixámonos nas diferentes liñas de produtos que vende DARLIM e no seu etiquetado (composición, instrucións de uso, advertencias e pictogramas).

O Ciclo de Administración e Finanzas foi recibido polo xefe de administración de DARLIM. Os módulos de Loxística e Contabilidade víronse beneficiados por unha perspectiva aplicada da xestión de documentación administrativa e a organización do almacén, contando ademáis coa descrición das operacións de compravenda propias desta empresa.

Share this Post