Traballo colaborativo coa ludoteca Purrusquiños

/ Xullo 15, 2021/ Noticias

Hoxe fainos moita ilusión presentarvos por fin a colaboración que fixemos o alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil coa Ludoteca Purrusquiños de Vigo. Purrusquiños non é unha ludoteca máis. Alí traballan grandes profesionais como Sebastián (director do centro) e Nerea e Antía (a parella educativa), que a través da filosofía Reggio Emilia, atenden a nenos e nenas de entre 2 e 6 anos nun espazo diáfano, acolledor e seguro, con moita luz natural, deseñado por e para os nenos. A súa proposta pedagóxica favorece o desenvolvemento mental, psicomotor, afectivo e social dos nenos, e as docentes exercen un papel secundario, dándolles o protagonismo aos máis pequenos, actuando como guías. Un traballo feito dende o corazón e con moito agarimo e respecto.

Alá polo mes de abril comezamos a nosa relación e decidimos que como non podiamos visitar a ludoteca debido á situación epidemiolóxica, si podiamos facer un traballo colaborativo, onde o noso alumnado fixese unha proposta de xogo que puidese sorprender, e despois se levase á práctica na ludoteca, mostrándonola a través dunha reportaxe fotográfica. A proposta chamouse “Un viaje al pasado”, e na ligazón podedes ver o ben que a pasaron os cativos.

A comunicación foi fluída durante todo este tempo, e o equipo Purrusquiños demostrounos que son grandes profesionais, apaixonados pola infancia, e xenerosos á hora de compartir coñecemento e ideas. Abríronnos as portas de Purrusquiños e sentímonos coma se formásemos parte desa gran pequena familia.

Felicidades a todo o equipo polo seu traballo diario e dedicación, e tamén ás familias, porque estamos seguras de que os nenos non poden estar en mellores mans. Esperamos vernos de maneira presencial o curso que ven. Aquí deixámosvos a ligazón para que vexades o traballo realizado.

Moitas moitas grazas!!!

Esta é a ligazón para que vexades o traballo realizado.

https://www.facebook.com/purrusquinos/posts/1144841135925207

https://www.facebook.com/purrusquinos

Share this Post