O noso alumnado de enfermería realiza unha actividade dirixida a nove pacientes dunha residencia xeriátrica

/ Maio 24, 2021/ Noticias

Un equipo formado por alumnado do noso CM de Coidados Auxiliares de Enfermería deseñou e realizou unha actuación do seu Proxecto MenteNatura (GiraJóvenes) coa colaboración da Residencia Xeriátrica Salvatierra.

O pasado venres, cinco dos nosos alumnos do CM Coidados Auxiliares de Enfermería acudiron á Residencia Xeriátrica Salvatierra, situada en Salvaterra do Miño, a escasos metros da fronteira con Portugal, para realizar unha actividade que eles mesmos deseñaron no seo do seu Proxecto MenteNatura (auspiciado por GiraJóvenes, Coca-Cola). O seu obxectivo: fomentar a interacción cos nosos maiores para paliar os efectos negativos que a situación COVID exerceu sobre eles a nivel psicolóxico e social.

Nove residentes foron os protagonistas absolutos durante a sesión de dúas horas que o noso alumnado realizou ao aire libre baixo a atenta supervisión do persoal sanitario da residencia e seguindo todas as medidas de seguridade (incluidos os test pertinentes), acompañándoos e compartindo momentos inesquecibles con eles.

O noso alumnado é consciente da importancia que teñen estas persoas na nosa sociedade, sendo fundamental o labor que o persoal destas residencias realiza a diario para lograr o seu benestar. Do mesmo xeito, o persoal da Residencia destacou a relevancia deste tipo de actuacións, as cales teñen un innegable impacto positivo para os residentes.

Existe unha fermosa simetría na interacción entre os maiores e os mozos, sendo esta aínda máis salientable cando parte da conciencia de servizo e a vocación desexable en todo bo TCAE. Un orgullo para a nosa sociedade.

Share this Post