O ALUMNADO DE EFA A CANCELA CONTINÚA A REFORESTACIÓN DE AS NEVES

/ Febreiro 25, 2023/ Noticias

Esta actividade, realizada no marco do noso proxecto para Voz Natura, executouse, en dous turnos ao longo de toda unha mañá e supuxo a plantación de 80 carballos en dúas parcelas diferenciadas.

Este curso 2022 – 2023 continuamos a nosa colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Cibrán de Ribarteme (As Neves) co firme obxectivo de que, no marco do noso novo Proxecto Voz Natura “ECOnCIENCIA: Asume a túa Responsabilidade Social e Ecolóxica”, o noso alumnado continúe xerando impactos ambientais positivos na nosa contorna natural ao tempo que contribuimos a fomentar e promover un espíritu de conciencia ambiental e social.

Armados con pas e sachos e baixo as instrucións dos membros da comunidade de montes, iniciamos a restauración destas dúas parcelas espidas (unha delas, o antiguo vertedoiro ilícito no que xa traballamos o ano pasado), aproveitando tamén a ocasión para recoller todos os refugallos que atopamos mentres realizamos a plantación das árboles autóctonas.

De cara ao próximo curso e facendo bandeira do clásico lema “Pensa globalmente, actúa localmente”, comprometémonos novamente a continuar esta acción, contribuindo a garantir un futuro mellor para os verdes pulmóns de As Neves.

En EFA A Cancela agradecemos a colaboración dunha boa parte do noso estupendo alumnado, concienciado con deixar á próxima xeración un planeta un pouco mellor do que o recibiu e amosando así, con accións concretas, coherencia coas folgas climáticas convocadas este curso.

Unha vez mais, volcamos o noso agradecemento na Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Cipriano de Ribarteme (As Neves), en cuxos terreos se realizou a plantación e, en concreto, no seu presidente José Manuel Prieto. Tamén agradecemos a estupenda labor de Rafa e Esther de Agro Acuña, empresa da zona que proveu os carballos así como á organización de Voz Natura por concedernos os fondos para acometer esta e outras accións do noso proxecto.

 

 

Share this Post