INÍCIASE O CURSO DE PREPARACIÓN PARA A PROBA DE INGLÉS NIVEL B1 DE CAMBRIDGE EN EFA A CANCELA
O alumnado matriculado no Centro ten acceso a este curso, que se realiza en EFA A Cancela os mércores en horario de tarde.
Un ano máis, como é tradición no noso Centro, iníciase este curso de inglés, no cal o alumnado asistente participará de forma dinámica en actividades que buscan a interacción continua entre estudantes e docente, empregando o inglés como lingua vehicular para traballar a comprensión lectora, expresión escrita, comprensión falada e conversación neste idioma, mentres se abordan multitude de temas interesantes relacionados coa vida cotiá nos países de fala inglesa.
Unha persoa co título de B1 domina os conceptos básicos do inglés e posúe as habilidades lingüísticas prácticas propias dos usos cotiáns, sendo capaz de ler libros de texto e artigos sinxelos en inglés, escribir cartas e correos electrónicos sobre temas cotiáns, así como tomar anotacións durante reunións neste idioma e manifestar opinións e estados de ánimo en inglés falado e escrito.
Por todo isto, este curso supón unha oportunidade para o alumnado que sexa capaz de aproveitalo, de mellorar os seus coñecementos en materia de idiomas e, no proceso, optar a mellorar a súa empregabilidade nunha contorna laboral que cada vez demanda máis un perfil profesional orientado á internacionalización e á superación das barreiras idiomáticas na comunicación con persoas procedentes doutros países.
Tras realizar a proba de nivel previa ao comezo do curso o pasado mércores 23/10/2024, o noso alumnado iniciará as clases do nivel B1 o vindeiro mércores 30/10/2024.