Conexión en directo con María González Areal, enfermeira da UCI Covid no Hospital Álvaro Cunqueiro

/ Novembro 23, 2020/ Noticias

Esta semana o alumnado do primeiro curso do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermería tivo a oportunidade exclusiva de conectar en directo con María González Areal, enfermeira da UCI Covid no Hospital Álvaro Cunqueiro.

As 32 preguntas que o noso alumnado elaborara previamente na clase serviron como folla de ruta durante a charla de María, quen resolveu cuestións directamente relacionadas con protocolos de illamento, hixienización do material, impacto psicolóxico no persoal, os pacientes e as súas familias e outros moitos detalles relevantes sobre os procedementos a seguir nunha contorna complexa, estresante e de enorme importancia no panorama sanitario actual: un lugar onde se salvan vidas.

Ao longo dos 90 minutos de coloquio, non só gozamos de información técnica estupendamente exposta grazas á experiencia de María, senón que ademais houbo momentos moi emotivos, como non podía ser doutro xeito ao tratar un tema de tanta transcendencia. Como mensaxe final, quedamos cunha frase que reflicte a humildade e profesionalidade de quen é feliz axudando aos demais: “non somos heroes, somos traballadores”, depois da cal a aula estalou en aplausos.

Esta charla foi o primeiro de moitos eventos programados ao longo do curso para o noso Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermería; o seu obxectivo, establecer unha estreita relación entre empresa e aula, aproveitando a experiencia de profesionais de primeira liña no sector sanitario para enriquecer o coñecemento e saber facer do noso alumnado

Share this Post