Actividades de Dinamización da Lingua Galega na terceira xornada da Semana Gastrocultural da EFA A Cancela

/ Maio 14, 2021/ Noticias

Como broche a esta VI Semana Gastrocultural e despois de dous días intensos cheos de actividades e onde os alumnos e convidados asistentes puideron coñecer de preto diferentes proxectos, toca a quenda de que coñezan un pouco máis sobre calidade alimentaria.

Ao longo deste terceiro día de actividades puideron ver diferentes exemplos de pequenas empresas que apostan pola calidade e son todo un exemplo no sector.

A xornada do venres no Auditorio de As Neves estivo moderada na súa primeira parte por Alberto Ribas,  blogger especializado en turismo e gastronomía, que fixo de condutor da mesa redonda sobre calidade alimentaria.

Podedes ver o traballo que realiza Alberto Ribas máis coñecido como  Alvientooo no seu blogue www.alvientooo.com e en redes sociais como Instagram, Facebook ou Twitter co mesmo nome.

Nesta mesa redonda participaron Don Xoan Miguel Concheiro que é o Xefe do Departamento de Protección e Calidade de AGACAL. Xunto a el estaban Dona  Brígida Hermida unha Mestra  Xeadeira exemplo de calidade e todo un referente no sector e Don Alberto  Rodríguez un Mestre Pasteleiro  exemplo de boas prácticas en doces tradicionais.

Grazas a Don Xoan Miguel Concheiro, Xefe do Departamento de Protección e Calidade de  AGACAL ( Axencia Galega de Calidade Alimentaria ) puidemos coñecer todas as funcións que ten este organismo e o funcionamento do mesmo.

O  INGACAL leva a cabo temas de investigación, control, protección e promoción da calidade diferenciada dos produtos galegos.

Todo o relacionado con selos de calidade como as Denominacións de Orixe ou as Indicacións Xeográficas Protexidas, moi importantes á hora de elaborar diferentes produtos.

Selos de calidade que garanten uns procesos e unha  trazabilidade que o mercado demanda e que sen dúbida os clientes valoran á hora de elixir os produtos da súa cesta da compra.

Novas figuras como a recente implantación da nova normativa sobre Artesanía Alimentaria ou a  IXP Pan  Galego, un tema que lles interesou moito aos nosos alumnos de CM de Panadería, Repostería e Confitería, CS de Administración e Finanzas e CM de Xestión Administrativa xa que son temas que terán que tratar nun futuro moi próximo.

Durante a quenda de preguntas tiveron oportunidade de solucionar moitas das súas dúbidas e comprender que apostar pola calidade será un acerto nos seus proxectos.

Con Dona Brígida Hermida de  Xearte  Brigitte, Mestra  Xeadeira,  puidemos coñecer como se fabrican os xeados artesáns e como é o traballo diario nunha xeadería artesá.

Brígida ten a súa xeadería na cidade de Santiago de Compostela e desde os seus inicios apostou por un produto artesán e de calidade superior aos que había no mercado.

Como ben contaba ela, o xeado non é un produto só para o verán, como mostra, na cidade de Santiago de Compostela,  a campaña de xeado nun ano normal como media dura uns 240 días, unha cidade onde chove 116 días e  a xente consome os seus xeados durante o inverno sen ningún problema.

Aprendemos as diferenzas entre tipos de xeados, sabores ou cores dalgunhas presentacións que atopamos nalgunhas vitrinas e que sen dúbida, axudarannos a apreciar xeados industriais con  colorantes e xeados artesáns entre outros detalles.

Todo un exemplo de constancia e traballo, que xunto cunha formación continua situou á  Xearte  Brigitte entre as mellores xeaderías de España e actualmente ela é Vicepresidenta da Asociación Española de  Xeadeiros Artesanais, dende onde apostan por unha profesionalización do sector, ofrecendo formación continua aos seus asociados e a aqueles que estean interesados en iniciarse neste mundo tan apaixonante.

Pola súa banda, Don Alberto  Rodríguez un Mestre Pasteleiro que estivo na EFA A Cancela recentemente impartindo un obradoiro para os alumnos de CM  Panadería Repostería e Confitería, contaba con orgullo, como é a cuarta xeración dunha familia de artesáns reposteiros de Melide. A el tocoulle darlle unha volta ao negocio para axustarse ás novas normativas de calidade alimentaria.

Grazas a estes procesos e a unha xestión eficiente, conseguiu que os seus produtos leven selos de calidade recoñecidos en toda Europa e que moitos clientes compren e regalen os seus doces tradicionais que elabora no seu obradoiro de Melide ( A Coruña) con todo orgullo.

A Asociación da repostería tradicional ‘Melide  terra doce’ reúne aos establecementos que elaboran os doces tradicionais desta comarca. Cada mes de maio, organiza a Festa do  Melindre e da Repostería Tradicional de Terra de Melide.

Tanto Alberto  Rodríguez como  Brígida Hermida apostan pola calidade en todo o proceso de produción, procuran constantemente aos mellores proveedores para as súas elaboracións.

Contar con bos provedores de materias primas é principal, en moitos casos os mellores aliados están preto. As colaboracións e sinerxias entre empresas da rexión é sen dúbida un acerto e beneficio de todos, como dicía  Hellen  Keller “Sós podemos facer moi pouco; unidos podemos facer moito”.

Na quenda de preguntas os alumnos mostráronse moi interesados o todo o proceso de elaboración de xeados, centros onde formarse e procura de materias primas.

Durante a segunda parte da xornada, grazas á Don Francisco  Gonzalez como Xerente de  GDR Condado -Paradanta puidemos coñecer o funcionamento dun  GDR e as axudas que poden recibir os proxectos que se presentan a elas.

Un GDR é unha Asociación de Desenvolvemento Rural e entre as súas funcións está propoñer accións que axuden á posta en valor dos recursos da Comarca, que potencien os negocios do territorio e que promovan sinerxias entre persoas.

Xestionan fondos e programas europeos orientados ao desenvolvemento económico da contorna. Na comarca de Condado-Paradanta levaron a cabo moitos proxectos durante os últimos anos tal e como nos contaba Francisco  González.

Axudar a crear empresas sostibles e fixar poboación no rural, é un dos seus obxectivos e de feito ofreceu as portas abertas do  GDR Condado-Paradanta a todos os alumnos da  EFA A Cancela para que resolvesen as súas dúbidas e axudarlles en todos os proxectos que teñan en mente.

Proxectos que sexan viables e axudarlles a conseguir as diferentes axudas e subvencións que existan no momento en que se presenten os diferentes proxectos.

Como broche destas xornadas tivemos tamén espazo para catas. Catas de produtos locais e neste caso tocáballe a quenda ás tres adegas existentes no  Concello das Neves.

Adegas de referencia tanto na D.O Rías Baixas como no panorama nacional como Señorío de Rubiós,  Viña  Nora ou Abadía de Tortoreos.

Unha interesante cata onde por parte de Señorío de Rubiós acompañáronnos Don Antonio  Méndez xerente da adega e Dona Natalia  Rodríguez como directora de exportación, desde  Viña  Nora contamos coa colaboración da enóloga da adega Dona Alexia Luca de  Tena e por parte de Abadía de Tortoreos con Don José Manuel Juste recoñecido enólogo galego.

Grazas a todas estas adegas e aos seus representantes puidemos gozar dunha estupenda cata, probar diferentes viños e coñecer desde como se realiza unha cata con todos os seus detalles, as súas fases , sabores e cheiros que caracterizan os viños desta rexión do Condado e que está dentro da  DO Rías Baixas.

Unha experiencia que todos os participantes valoraron positivamente e que esperamos poder volver repetir moi pronto. Unha oportunidade estupenda para que os alumnos aprendan a apreciar os viños que se elaboran na rexión e sexan á súa vez estupendos embaixadores da súa terra.

Como exemplo, desde a adega  Señorío de Rubiós, apostan decididamente por impulsar viños tintos de alta calidade dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Así mesmo, Señorío de Rubiós continúa co seu traballo en favor da recuperación da tradición e historia destas terras do Condado de  Tea e as súas variedades autóctonas.

As xornadas foron clausuradas por Don José González Vázquez, Conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia e como bo coñecedor do Condado animou aos alumnos a que leven a cabo os seus proxectos e que aposten por actividades agrarias sustentables.

Moi interesante o proxecto de Aldeas Modelo que non deixaron indiferentes aos alumnos. Unha estupenda idea para que poidan levar a cabo os seus proxectos e futuras empresas nunha contorna rural con todas as comodidades e adiantos tecnolóxicos.

A día de hoxe, Galicia suma xa máis de 18 aldeas modelo, a maioría na provincia de Ourense e isto aínda está a empezar.

Xunto ao Conselleiro de Medio Rural estaban Don Xosé  Rodriguez, Alcalde das Neves e Dona María del Carmen Gil Presidenta da Asociación EFA A Cancela e Dona Lara  Fernández, Directora do Centro deron por clausuradas estas xornadas agradecendo a todos os colaboradores e asistentes todo o traballo realizado.

Share this Post