Accede ao resumo da II Xornada da VI Semana Gastrocultural. “Actividades de Dinamización da Lingua Galega”.

/ Maio 13, 2021/ Noticias

Esta mañá a xornada foi inaugurada por Dona Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia, entidade que aposta polo emprendemento turístico en Galicia e este ano sen dúbida cunha aposta nos Camiños de Santiago.

Turismo de Galicia ademais encárgase de toda a promoción turística de Galicia dando a coñecer todas as posibilidades e recursos como destino turístico que Galicia ofrece ao visitante.

Coordina moitas campañas e xestiona actividades de promoción tanto nacionais como internacionais, como as que está a levar a cabo na actualidade con motivo do ano Xacobeo 21/22.

Explicou e animou aos alumnos a que presenten os seus proxectos a  Turislab,a primeira Aceleradora  Galega de Turismo co obxectivo de crear unha rede de recursos para proxectos innovadores e de alto impacto na sociedade especializados no Turismo sostible e de calidade.

Dona Nava Castro, como veciña de Ponteareas e boa coñecedora de toda esta rexión, apoia todo o emprendemento no rural e achegou ideas aos alumnos dos diferentes ciclos, para que aposten por proxectos persoais e que consigan xerar riqueza na zona e asentar poboación no rural.

Mesa Redonda

Unha mesa redonda coa temática de Incubadora de Talentos que estivo moderada por Dona María del Carmen Gil, Presidenta da Asociación  EFA A Cancela e que aproveitou para contar aos asistentes varias anécdotas sobre proxectos de emprendemento no rural aos que tivo a oportunidade de asesorar durante todos estes anos.

Pola súa banda Dona María Villalonga que participou mediante videoconferencia desde Menorca, participou como economista e na súa sesión en liña tratou o tema da Economía Sostible.

Actualmente é participante activa no movemento Economía de Francisco e falou das diferentes actividades en liña relacionadas con este movemento que se foron desenvolvendo durante o ultimo ano, co fin de poñer en marcha unha economía diferente, máis xusta e sostible.

Como dato, celebráronse máis de 400 eventos en liña onde participaron expertos de todo o mundo, co fin de conseguir manter activo este movemento e xerar unha nova forma de tratar a economía global e establecer novas regras no mercado mundial.

Interesante tamén o relatorio de Dona Isabel Costas, Presidenta  da Cooperativa  Galega de  Porco Celta Tres  Fuciños, situada en Castro de Carballedo na provincia de Lugo, onde apostan por un impulso ao mundo rural desde o  cooperativismo e a sustentabilidade o monte como medio de vida.

Contou aos asistentes como se cría o  Porco Celta, características deste selo de calidade e como é o proceso de cría desta raza tan valorada no mercado. Actualmente o  Porco Celta forma parte da carta de moitos restaurantes e tendas  gourmet de todo o país.

Don Santiago  Liñeira, Presidente de  SAT  Fungocerga pola súa banda expuxo aos asistentes o funcionamento dunha Sociedade Agraria de Transformación (S.A.T) e a forma na que cultivan todas as súas hortalizas.

Interesante o seu proxecto de repoboación de bosques con árbores autóctonas    microrizadasas nos que nas súas raíces xerouse unha simbiose entre o fungo e as propias raíces. É dicir, o fungo vive da asociación  simbiótica coa árbore gañando nutrientes, e a árbore gaña en resistencia ante as secas ou pragas.

Grazas a este proceso, na contorna da árbore nacen cogomelos de diferentes tipos que xeran un beneficio para o bosque e para os veciños , xa que co tempo obteñen unha produción de cogomelos que poden comercializar.

Desde o mundo das adegas e enoturismo, tivemos a sorte de contar con Don Jorge Peláez, responsable da adega Marqués de  Vizhoja situada en Arbo e que é todo un referente en enoturismo na rexión.

Coñecer a historia da adega desde os seus inicios, ver como o seu pai empezou hai moitos anos cunha ilusión e desde o barrio de Bouzas en Vigo e aos poucos foi creando este proxecto. Marqués de  Vizhoja que hoxe en día é todo un referente e exporta viños a todo o mundo,  levando a marca Galicia desde Xapón a Arxentina.

Outro proxecto interesante é o que levan a cabo Don David  Méndez e Dona  Kely  Porbal desde “A Huerta de Carmen”. Sen dúbida, toda unha substitución xeracional  exitoso onde ademais de cambiar a forma de produción cambiaron a canle de venda.

Carmen é a nai de David e ela desde moi nova vendía os produtos da súa horta en diferentes mercados da zona. Hoxe en día David fai un traballo de venda en liña e servizo a domicilio baixo pedidos.

David xunto con  Kely forman un equipo perfecto e ver como contan a súa historia, o seu día a día, contaxia moi boa enerxía e nótase que forman un tándem perfecto e a complicidade que lles une.

Hoxe tamén houbo espazo para que os alumnos puidesen participar nas dúas catas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que levaron a cabo nas instalacións da  EFA A Cancela.

Catas impartidas por Dona Sonia Otero, membro do Consello Regulador, ademais de ser enóloga é unha persoa moi valorada nas diferentes catas de viños e licores que se realizan en Galicia o longo do ano polos seus coñecementos e a súa profesionalidade.

Oportunidade para que os alumnos e asistentes coñecesen de preto todo o mundo que rodea aos augardentes e licores tradicionais e valoren todo o proceso de fabricación e certificación dos mesmos, co fin de evitar consumir e vender licores e augardentes sen certificar, que poden supoñer un risco serio para a saúde.

Share this Post