PRÁCTICAS LABORAIS EN EUROPA PARA PERSOAS RECÉN TITULADAS DE CICLOS MEDIOS DE FP
O SEPIE aprobou recentemente á Deputación de Pontevedra un proxecto para persoas recén tituladas de Ciclos Medios de Formación Profesional da provincia de Pontevedra, dentro do Programa Erasmus+, no que A EFA A Cancela participa como socio de envío.
O proxecto consiste na realización de prácticas en empresas do sector privado ou en organismos públicos europeos durante un período aproximado de 6 meses, co fin de promover e ampliar a súa formación académica, impulsar a súa inserción laboral e aumentar as competencias en linguas estranxeiras.
É condición imprescindible para poder realizar a mobilidade que o alumnado teña todos os módulos do Ciclo Medio aprobados incluído o módulo FCT antes do período de mobilidade e sexa maior de idade.
Os solicitantes serán avaliados en función da súa titulación, expediente académico, coñecementos de idiomas, méritos e unha entrevista persoal.
Todo aquel alumnado recén titulado na EFA de Ciclo Medio que estea interesado deberá comunicalo ó centro entre o 1 e o 10 de setembro de 2016.