Celebración do 50 aniversario das EFAs en Santiago de Compostela

/ Xuño 23, 2023/ Noticias

Onte, 22 de xuño de 2023 as EFAs de Galicia celebraron o 50 aniversario en Santiago, no “Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela”, un evento con máis de 1.500 persoas entre membros da comunidade educativa, representantes institucionais e empresas.

O presidente da Federación EFAs de Galicia, Gabriel Tirapu Díaz, abriu o acto cunhas palabras adicadas ao bo facer das EFAs.
Belén Rodríguez Lago, secretaria xeral da Federación de EFAs, lembrou a súa orixe «para evitar que as persoas do medio rural emigrasen á cidade por falta de traballo, fixando poboación a través da formación, con proxectos educativos con impacto no desenvolvemento territorial, optando polo modelo francés de alternancia aula-empresa».

Pedro Puig-Calvó, experto en FP Dual e en formación no ámbito rural, defendeu o sistema educativo de alternancia das EFAs como «un instrumento de desenvolvemento do territorio», de alto impacto alí onde se implanta. Recalcou que o futuro rural presenta importantes potencialidades, que máis aló de agricultura e gandería inclúe turismo, comercio, lecer ou saúde, indicando que se debe facilitar a participación dos mozos con propostas formativas que os motiven.

Premio do grupo Lence

Pola súa banda a CEO do grupo Lence-Leite Río, Carmen Lence, anunciou a creación do Premio ao Emprendemento no rural, que recoñecerá o mellor proxecto de fin de carreira entre o alumnado de último ano destes centros. O director de Abanca Agro, Jesús Combarro, destacou o relevante papel das EFAs no futuro e profesionalización do medio rural.

No encontro, que foi clausurado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, entregáronse diplomas ao alumnado graduado neste curso.
Agradecer de novo ás nosas antigas alumnas, Ina Blisse, fundadora de @vidablissmobility e Ana Axespa, propietaria da Asesoría Axespa, en As Neves polas súas marabillosas palabras dedicadas ao noso centro, así como a Cristina Esteves alumna recién graduada que nos dedicou un discurso de fin de etapa moi emotivo e repleto de palabras de agradecemento e agarimo cara A Cancela.
Moitas grazas a todos as autoridades presentes, colaboradores, empresas, antigos/as alumnos/as, antigo/as monitores e familiares e en xeral a todo o persoal da comunidade educativa, que nos acompañaron a Santiago para celebrar o noso 50 Aniversario e en especial aos nosos alumnos que se graduaron nesta noite máxica.

Felicitaros por os vosos logros, pola posta en escena impecable e desexaros todo o mellor nesta nova etapa que comezades!

 

Share this Post