A RELACIÓN ENTRE ESTÉTICA, SAÚDE E OS TRATAMENTOS BUCODENTAIS NA CLÍNICA ODONTOLÓXICA DA MAN DO DOUTOR MIGUEL RICARDO QUEVEDO BISONNI

/ Xuño 21, 2023/ Noticias

A sesión formativa, que partiu dos efectos do envellecemento no rostro e a rexión bucodental e se centrou na mellora da saúde e a estética dos doentes a través de diversos tratamentos, foi un rotundo éxito entre o noso alumnado e profesorado. 

O Doutor Quevedo Bisonni, docente e experto odontólogo especializado en ortodoncia, cirurxía e implantoloxía entre outras moitas disciplinas relacionadas coa odontoloxía, acudiu a EFA A Cancela para compartir o seu saber co noso alumnado do C.F.G.M. Coidados Auxiliares de Enfermería, reforzando así o currículo do módulo Técnicas de Axuda Odontolóxica e Estomatolóxica e poñendo un estupendo colofón final ao Proxecto Empresa – Aula do noso terceiro trimestre, centrado no traballo dos TCAEs nas clínicas dentais.

A sesión iniciouse cos efectos do envellecemento nas proporcións faciais ortodóncicas debido á diminución dos niveis de coláxeno, o retroceso do óso, a caída dos músculos e a degradación da graxa situada baixo a pel, cos conseguintes impactos no tercio inferior facial. Tras tratar as medidas de prevención para paliar estes procesos naturais, o Doutor insistiu na importancia da figura do TCAE no traballo diario das clínicas dentais. “Ides ser un elemento máis dun equipo de atención integral… un elemento fundamental, xa que os TCAEs sodes as persoas do equipo máis próximas no trato cos doentes”.

Coñecer a base de todos os tratamentos que se realizan para combatir problemas estructurais e asimetrías e previr futuros problemas funcionáis ou de envellecemento prematuro é moi necesario para todo o equipo da clínica, incluidos os TCAEs, tal como nos comentou o Doutor “é importante que o TCAE coñeza tódalas xeneralidades do tratamento integral que se realiza na clínica”. Incidindo novamente no valor dos bos TCAEs, afirmou que ”cada traballador na clínica ten un rol fundamental. Deste xeito, cando un TCAE valioso está ausente, todo o equipo verase afectado negativamente”.

Ao noso alumnado quedoulle moi claro que os tratamentos periodontais, as técnicas de rexeneración ósea, os implantes, a ortodoncia e a cirurxía son unha parte importante do conxunto de tratamentos correctores que afectan á estética e á saúde, mentres que a armonización orofacial únicamente ten un impacto estético.

Rematamos a noticia do mesmo xeito que o fixo o Doutor Quevedo Bisonni, con esta afirmación: “O concepto de estética é subxectivo e individual. A estética evoluciona coa personalidade e a idade e debe ser planificada. Se existe algunha beleza, únicamente pode ser aquela que é natural. Non hai nada máis fermoso que a saúde e un rostro saudable indica que a persona se coida”.

Desde EFA A Cancela agradecemos enormemente ao Doutor Miguel Ricardo Quevedo Bisonni a súa estupenda sesión, a súa gran calidade humana e a súa amabilidade. Tamén aproveitamos a oportunidade para agradecer a colaboración de todo o equipo da súa clínica na realización das estancias do noso Proxecto Empresa – Aula e nas FCTs

Share this Post