SESIÓN FORMATIVA SOBRE OS OBRADOIROS A CARGO DE DÚAS MESTRAS DA GALIÑA AZUL DE MOS-VEIGADIÑA

/ Febreiro 15, 2022/ Uncategorized

Nesta ocasión tivemos a sorte de contar con dúas persoas cunha ampla experiencia no sector da Educación Infantil. Elas son Ana Rodríguez e Olga Medraño, que actualmente traballan na Galiña Azul de Mos-Veigadaña.

Sen dúbida, son dúas apaixonadas desta profesión, e así llo transmitiron ao noso alumnado.

Centráronse en falarnos dos obradoiros na etapa 0-3. Dos tipos de obradoiros que existen (de arte, de cociña, de motricidade, de masaxe, obradoiros de luz, experiencias…) e que elas levan a cabo cada ano nos diferentes niveis educativos.

A diversidade dos materiais cos que se pode traballar; diferentes masas, pinturas, elementos da natureza, hortalizas, cepillos de dentes, matamoscas…facendo de calquera utensilio un obxecto perfecto para a estimulación dos pequenos. Tamén nos amosaron materiais máis novedosos como son “o cubo” ou os “módulos Massana”, “módulos pikler”…

Quixéronnos deixar claro que, baixo o seu punto de vista, sempre hai que partir dos intereses dos nenos e nenas…e deixarlles momentos de goce mediante o xogo. Xogo, no que as educadoras non deben interferir excepto en momentos puntuais, para así favorecer a exploración libre e a autonomía de nenos e nenas. Fixeron moito fincapé en coidar a colocación dos obxectos que lle presentas aos cativos, xa que a acollida da tarefa indubidablemente varía. É dicir, que debemos coidar a presentación nos obradoiros que lles vaiamos presentar.

Tamén nos falaron da importancia da planificación dos obradoiros, así como dunha posterior avaliación para ir mellorando día a día.

Tanto Olga como Ana, teñen claro que a pesar de que os obradoiros e actividades en educación infantil son importantísimos, nunca se debe esquecer prestar atención aos pequenos, acompañar nas emocións… xa que é tan ou máis importante que a realización das actividades.

Acabaron a súa presentación cunha bonita frase: “Sen dúbida, educar é unha arte, é algo difícil de explicar, pero fácil de sentir”  (Joel Artigas).

Infinitas grazas por compartir a vosa experiencia con todos e todas, e solucionarnos tantas dúbidas que nos roldaban a cabeza con respecto ao proceso de selección neste tipo de escolas…

¡¡Pero grazas sobre todo por contaxiarnos da vosa paixón pola educación!!

 

Share this Post