O PAPEL DOS TCAEs NO QUIRÓFANO E NA ESTERILIZACIÓN DE INSTRUMENTAL: SESIÓN FORMATIVA DOBRE CON MARGARITA BURGUEÑO

/ Marzo 30, 2022/ Noticias

A Subdirectora de Servizos Especiais e Centrais no Complexo Asistencial Universitario de León impartiu dúas sesións que lanzaron luz sobre o traballo dos auxiliares de Enfermería en dúas áreas fundamentais da asistencia sanitaria.

A pesar da distancia espazo – temporal “Non existe contacto máis íntimo co paciente que o traballo realizado polos TCAEs na central de esterilización“. Esta foi unha das moitas frases para o recordo que alumnado e docentes do CM Coidados Auxiliares de Enfermería puidemos extraer destas sesións realizadas en EFA A Cancela o pasado luns 21 de marzo.

Margarita Burgueño defínese como “Marga, enfermeira de quirófano”. Con máis de vinte anos de experiencia, esta enfermeira instrumentista é a Subdirectora de Servizos Especiais e Centrais no Complexo Asistencial Universitario de León e a Vicepresidenta da Asociación Española de Enfermería en Traumatoloxía e Ortopedia.

Destas dúas sesións que impartiu, “A importancia da esterilización no instrumental cirúrxico” complementou á perfección a visita que o noso alumnado fixera á Central de Esterilización do CHUVI o pasado día 7. A segunda sesión, sobre “O papel do TCAE no quirófano” foi especialmente interesante ao versar sobre un servizo sanitario no cal os auxiliares de enfermería traballan pero do que habitualmente non se fala nas aulas nin nos medios de comunicación, ofrecendo unha perspectiva única sobre a importante labor do TCAE no quirófano. “Os meus TCAEs son igual de importantes ou máis que a miña compañeira enfermeira: ocúpanse de que todo funcione como debería e iso é fundamental para lograr o éxito e salvar vidas“.

Ambas sesións foron preparadas con antelación polo alumnado, coa axuda do seu profesor de Hixiene do Medio Hospitalario, establecendo un guión sobre os aspectos que lles resultaban máis interesantes sobre os temas a tratar. Ademáis, desfrutamos dun turno de preguntas con Margarita, durante o cal tratamos aspectos relacionados coa xestión documental por parte do TCAE, diferenzas entre o funcionamento do SACyL e o SERGAS, a importancia dunha boa formación para o noso alumnado e de que éste viva o seu futuro traballo coa humildade necesaria para saber pedir axuda cando se precisa, mellorando a súa formación e habilidades de forma continua, o cal é especialmente relevante para traballar nun medio onde a saúde das persoas está tamén nas súas mans.

Desde EFA A Cancela agradecemos á experta Margarita Burgueño e ao Complexo Asistencial Universitario de León a súa contribución para mellorar a formación do noso alumnado e esperamos continuar esta colaboración no futuro

 

Share this Post