Cómo acceder a universidade dende a formación profesional

/ Maio 31, 2016/ Noticias

highlighter-1103715_960_720

Son moitos os que aínda pensan que para acceder a universidade hai que seguir o camiño educativo do bacharelato. Pero isto non é certo, tamén se pode acceder a formación universitaria partindo dunha formación profesional.

Se estas cursando un ciclo de formación profesional e queres acceder a universidade, ou se te estás propoñendo cursar unha formación profesional e posteriormente entrar na universidade, explicámosche como facelo.

Acceder a universidade

Calquera persoa que dispoña dun titulo de técnico superior de formación profesional, ou titulo equivalente, poderá acceder de modo directo, sen necesidade de realizar a proba de acceso, a calquera ensinanza universitaria de grao.

 

Pódese dar o caso de que o numero de solicitudes de admisión a unha ensinanza de título universitario de grao sexa superior ao número de prazas dispoñibles. Neste caso, para ordenar as solicitudes para a súa adxudicación, empregarase unha nota de admisión, que coincidirá coa nota media do ciclo formativo.

1.                 Cómo calcular a nota media do ciclo formativo para o acceso a universidade?

A nota media do ciclo formativo (NMC) calculase sumando as cualificacións numéricas dos módulos (1 a 10), sen decimais, e división do resultado obtido polo número total de módulos.

  • Non se computarán nin o módulo de formación en centros de traballo nin aqueles que que foron obxecto de validación.
  • A NMC expresarase con dúas cifras decimais, arredondada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.

2.                 Cómo podo mellorar a NMC?

Para mellorar a NMC deberanse realizar os exercicios da fase específica das probas de acceso á universidade. A fase específica dependerá de:

  • Cada estudante poderá realizar un máximo de catro exercicios da súa elección. O contido dos temarios sobre os que versarán os exercicios da proba específica será o establecido para o currículo das materias de modalidade de segundo de bacharelato.
  • Cada exercicio presentará dúas opcións entre as que o estudante deberá elixir.
  • Para que as materias de modalidade computen no cálculo da nota de admisión, deben estar adscritas á rama de coñecemento do grao ao que se queira optar.
  • A puntuación en cada exercicio estará entre 0 e 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superado o exercicio cando obteña unha cualificación igual ou superior a cinco puntos.
  • A cualificación das materias da fase específica terá validez para o acceso á universidade durante os dous cursos académicos seguintes á superación destas.
  • Os exercicios utilizarán calquera das linguas oficiais de Galicia. Excepto que algún exercicio estea relacionado cunha lingua estranxeira, que deberá desenvolverse nesa lingua.

3.                 Cómo calcular a nota de admisión?

Empregaremos a seguinte fórmula

 

Nota de admisión = NMC + a*M1 + b*M2

 

Sendo:

  • NMC: Nota media do ciclo formativo
  • a e b: Parámetros de ponderación das materias dos exercicios superados. En xeral terán un valor de 0,10 podendo nalgúns casos ser de 0,20. Estes parámetros atópanse publicados no DOG do xoves, 12 de maio de 2016.
  • M1 e M2: Para que os exercicio computen no cálculo deberan estar adscritas á rama de coñecemento do título universitario ao que se pretenda acceder.

A nota de admisión expresarase con 3 decimais, e aproximarase de igual xeito que a NMC.

4.                 Cómo inscribirse no procedemento

Tan só e necesaria a inscrición, achegando unha certificación académica oficial. Esta certificación terá o carácter de documentación provisional, e non poderá procederse á admisión nos estudos universitarios de grao ata a consecución e entrega da documentación acreditativa de dispor do correspondente título.

 

Ademais na certificación deberá constar a superación de todos os módulos que compoñen o ciclo formativo, coa excepción da formación en centros de traballo e, de ser o caso, o módulo de proxecto.

 

Máis información na web da Xunta de Galicia: http://www.edu.xunta.es/fp/acceso-universidade

Share this Post